CRTVG

Buscar

Alalá

A filharmónica en Cela

09/11/2010 22:05 h

Os cinco protagonistas de hoxe saben ben o que é o arrecendo, o sabor e o tacto do salitre. José Entenza, Manolo de Fasáns, Seso Pesquella e Paco e Pepe Piñeiro naceron a carón mesmo do mar e aínda levaban pantalón curto cando empezaron a saber o duro que era o traballo a bordo.
Comezaron na ría, a carón das praias de Cela, en Bueu. Unha pequena balsa de aceite comparada cos océanos bravos que coñeceron despois por todo o mundo, como profesionais da altura e da mercante. Menos mal que había momentos para botar a man ao peto e coller a filharmónica. A música facía que por un anaco voasen do barco e sentiran como se estivesen na mesmiña taberna do Iglesario.Todos levaban a filharmónica enriba cando embarcaban. E ata a gaita nalgunha ocasión.
Facían a bordo unhas embromadas tremendas. Farra ata o día. Era o xeito de aguantar as ausencias e a dureza dun traballo que os tiña meses fóra da casa. E agora que están de volta en Cela, xubilados dos mares de Terranova e de Sudáfrica, aínda seguen desfrutando enormemente tocando coa filharmónica un repertorio que inclúe desde muiñeiras a rancheiras, valses e polkas aprendidas polo mundo adiante.

 

Atopar capítulo por: