CRTVG

Buscar

Luar

A emigración, con Estrella Morente, Diana Navarro e Valderrama

15/04/2016 22:00 h

Nun programa dedicado á emigración, Luar lembra unha das voces que mellor soubo cantar na década dos 60 o sentimento de desarraigo que producía: Juanito Valderrama, con aquel “El emigrante”. O programa presentado por Xosé Ramón Gayoso, Matilde Vázquez e Rocío Barrio conta no escenario co fillo do aclamado músico, de nome artístico Valderrama, e con grandes voces do flamenco: Estrella Morente, Diana Navarro e Las Migas.

Tamén filla do célebre cantador Enrique Morente, Estrella Morente interpreta a dúo con Valderrama “Nanita mare”, tema popularizado polo pai deste, e suma a súa voz á de Valderrama e Diana Navarro en “El emigrante”. 

Esta última fai igualmente a súa particular homenaxe a Juanito Valderrama no ano no que se celebra o centenario do seu nacemento. Canta “Su primera comunión”, versión do tema do músico de Xaén e peza incluída no último traballo discográfico da interprete, “Resiliencia”, que acaba de saír ao mercado. 

Catro mulleres, catalás e andaluzas, compoñen o cuarteto flamenco Las Migas, que visita o escenario do programa da Televisión de Galicia para interpretar un tema moi de aquí: o “Alalá de Muxía”. Tamén pasan os colombianos Morat, banda revelación que se deu a coñecer da man de Paulina Rubio e que interpreta o seu último sinxelo, “Como te atreves”.

Nesta noite de nostalxia, “Luar” non renuncia á música tradicional galega e lixeira. Así, conta coas actuacións da orquestra Suavecito e máis da Banda Municipal de Música de Meira, que toca xunto coa asociación cultural Os Valuros, de Castro de Rei; o grupo Mayalde, composto por Eusebio Martín, Pilar Pérez e os seus dous fillos, e Jesús Naya.

No concurso “Recantos”, Gonzalo Brea compite con “Vou perder a cabeza por amor” por Noia-Barbanza e Sandra Campos, da zona do Deza, faino cantando “Camiño verde”. 

Atopar capítulo por: