CRTVG

Buscar

Alalá

A Coral de Ruada

16/03/2010 22:05 h

Despois de noventa anos, a Coral de Ruada de Ourense segue a cantar coa mesma forza, dedicación, entrega e entusiasmo que cando actuaron por primeira vez un día de San Xoán de 1919 no desaparecido Teatro Apolo de Ourense.

É unha das corais máis antigas de Galicia e como dicía Otero Pedrayo “un orgullo para a cidade de Ourense”. Orgullo para a cidade e para eles mesmos que manteñen e dignifican os valores culturais galegos. Basearon o seu repertorio nas recollidas polas aldeas que reinterpretaban en romarías galegas e nos máis importantes escenarios de cidades galegas e mesmo de Madrid ou América.

A Coral de Ruada levou a música, o baile, o teatro e a poesía galega de xira polo mundo. O seu patrimonio histórico, cultural e musical é cada vez máis importante. Recibiron innumerables premios: dende a garavata da bandeira doada por Alfonso XIII, a placa de ouro do Centro galego de Bos Aires ata as medallas de Galicia e de ouro da cidade de Ourense.

Gravaron moitos discos e participaron en películas como “La Virgen del Cristal”. Esta histórica coral incorporou as mulleres desde a súa fundación – algo que a comezos do século XX non era corrente- e participou na primeira iniciativa empresarial relacionada coa música tradicional, ó facer xiras nas salas que o empresario Isaac Fraga tiña por toda Galicia. A coral de Ruada segue despois de noventa anos coa mesma sensibilidade nesta fantástica aventura.

Atopar capítulo por: