CRTVG

Buscar

Luar

"A chuvia" con El Consorcio, Pepe el Marismeño e Xabier Díaz

07/11/2014 22:00 h

Despois dun comezo de outono atipicamente seco e cálido, a chuvia fixo por fin acto de presenza e hoxe será protagonista no programa “Luar”, dedicado a un dos fenómenos meteorolóxicos máis característicos da nosa terra. Ademais de que choverá no estudio de gravación, o espazo da TVG ofrecerá temas e actuacións musicais arredor da chuvia.

Como ao mal tempo é mellor poñerlle boa cara, o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro ofrecerá unha nova velada de festa, espectáculo e diversión, esta semana coa música do emblemático quinteto vocal El Consorcio; de Pepe el Marismeño, que interpretará temas do seu novo disco, “Siete martes”, co que tende unha ponte de raíces flamencas con México; e do cantante, compositor e investigador do folclore tradicional galego Xabier Díaz, que actuará coas Adufeiras de Salitre.

O cartel musical desta noite en “Luar” completarase coas actuacións da Banda de Gaitas de Barbude, do grupo folk Pelepau, da Agrupación Folclórica Saíñas de Xove e da formación Airiños de Orbazai.

“Luar” non se despedirá dos seus espectadores sen ofrecer novas edicións dos concursos “Vai de Gaita” e “Recantos”. No primeiro, demostrarán o seu bo facer no escenario os rapaces Judith Iglesias e Daniel Castiñeiras, mentres que no segundo será a quenda de Mariah Fosado, de Vigo, e de Dani Pardo, procedente da montaña luguesa.

Atopar capítulo por: