Dilema do Entroido: orellas ou filloas?
Na rúa hai opinións para todos os gustos arredor das sobremesas máis típicas
Nas confeiterías din que o que máis venden son orellas polo complexo da súa elaboración
O Entroido recende a cocido, pero para rematar ten que ir acompañado dunha sobremesa tamén típica e aquí non todo o mundo opina o mesmo.
No Entroido en canto a sobremesas se refire xorde un dilema. Son vostedes máis de orellas ou de filloas? Comparten boa parte dos seus ingredientes, pero a elaboración e o resultado é ben distinto e na rúa hai opinións para todos os gustos.
Nas confeiterías traballan arreo para delicia duns e outros pero sinalan que o que máis éxito ten son as orellas.
"É unha cousa que gusta, é moi laboriosa, cada vez hai menos xente que o faga e as confeitarías estamos para esa demanda que hai".
"O que máis se venden son as orellas, é o prato principal creo eu".
Mentres que as filloas levan poucos ingredientes e se traballa cun amoado líquido a elaboración das orellas é moito máis complexa.
"Se botas contas unha simple orella que leva ovos e fariña ten tamén o seu toque, hai que estiralas, amasalas, deixalas repousar... levan unhas cantas voltas", explica Miguel Ángel Martín da confeitaría Martín.
Segundo escollamos unhas ou outras e soas ou con recheo hai variedade de prezos.
"As orellas e as flores vendémolas a dous euros, as filloas sen recheo a un con sesenta e as recheas a tres euros", comenta Honorio Gómez da confeitaría Yomar.
Por se non tiveramos dilema abondo tampouco faltan rosquillas e flores para completar os doces manxares do noso Entroido.