CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

ZigZag Eirado

29/11/2015 00:45 h

O tempo para falar da cultura devagar chega outra vez este sábado cunha nova edición do espazo “ZigZag-Eirado”, que hoxe contará coa presenza no estudio de gravación do luthier César Loureiro, un dos pucos artesáns galegos que constrúen instrumentos de corda. Zanfonas e arpas saen do seu obradoiro de Marín, onde intenta unir as antigas receitas e técnicas de construción coa precisión e a calidade que permiten os tempos actuais.
A actualidade cinematográfica será debullada, coma sempre, por Moncho Lemos e Ángel Suanzes, que falarán de “Eco”, un traballo de Xacio Baño sobre o cruce de camiños entre a memoria persoal e histórica, que gañou senllos premios no Zinebi de Bilbao e no festival L´Alternativa de Barcelona.
“ZigZag-Eirado” tamén se referirá ás estreas de “Nadie quiere la noche”, a nova película de Isabel Coixet, con Juliette Binoche como protagonista, que recrea a contraditoria figura da muller do explorador polar Robert Peary; e da película arxentina “Paulina”, dirixida por Santiago Mitre.
No tempo dedicado á música, serán protagonistas o novo vídeo de Leo i Arremecághona; o novo disco do ex-Siniestro Total Óscar Avendaño, co que se mantén fiel á tradición do folk e o rock anglosaxón; e a xira da cantante e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher, unha das grandes promesas do panorama musical actual, que está a presentar o seu primeiro traballo en solitario, un disco tinguido de diferentes estilos e sonoridades como o soul, o pop e o folk.
Os espectadores tamén se poderán achegar esta noite á proposta musical da banda de rock viguesa Igloo, un grupo que se desmarca dos estándares indies, conxugando a contundencia dunhas guitarras afiadas coa transmisión de emocións e sensacións eléctricas. O resultado é un son que se move entre o frío glacial e a calidez humana.

Atopar capítulo por: