Zigzag diario
Con Mónica García, Luísa Veira e a Regadeira de Adela
A convidada do día é a actriz Mónica García, integrante do elenco de “Curriculum Vitae”, a nova montaxe de Redrum Teatro, dirixida por Álex Sampayo, que aborda cun toque de humor un tema de actualidade como é a busca de emprego e as entrevistas de traballo.
O programa achegarase tamén á Regadeira de Adela, un novo espazo dedicado á microarte, que acaba de iniciar a súa andaina en Compostela e que acollerá espectáculos de teatro, danza, música, circo, performance ou improvisación de só un cuarto de hora de duración.
Os espectadores tamén poderán coñecer a montaxe “Queda terminantemente prohibido sufrir nas paredes”, coas actrices Clara Gayo, Rula Blanco e Rocío González como protagonistas. A obra fai unha reflexión sobre o ben e o mal, sobre a inocencia e os verdadeiros culpables, sobre destinos escritos nos rexistros da beneficencia, sobre a entelequia da igualdade social e sobre mulleres na última escala da supervivencia.
Ademais, “ZigZag Diario” falará coa actriz Luísa Veira, quen, despois de moitos anos retirada dos escenarios, volve ás táboas no espazo de microteatro La Tuerka 27 co espectáculo “La Estación”.