Zigzag diario
Zigzag Diario (30/04/2012)
O programa “ZigZag Diario” presentará esta tarde a obra “De santos y milagros”, unha antoloxía, coordinada por Xosé Antón López Silva, que rescata 138 textos e artigos de Álvaro Cunqueiro, entre eles sete relatos ata agora descoñecidos, que, tras a súa publicación na revista “Catolicismo” nos anos 1945 e 1946, non volveran saír á luz. Este libro reflicte unha panorámica sobre a haxiografía, un tema relevante e distintivo na obra do autor mindoniense, atraído pola vida dos santos.
O espazo da tvG2 recibirá hoxe a visita no estudio de gravación da presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas, quen falará sobre o traballo e as iniciativas desta asociación para o fomento e a animación á lectura en lingua galega, que se atopa en Gondomar. Este centro organiza todo tipo de actividades relacionadas coa promoción lectora e coa consideración do libro como elemento de socialización.
Outra das novidades literarias en que hoxe se deterá “ZigZag Diario” será “Veneno en dosis camufladas”, unha obra do crítico musical Xavier Valiño sobre a censura nos discos de pop-rock durante o franquismo. O autor estuda por vez primeira os censores, identificando as cancións que estiveron vetadas como non radiables.
Ademais, o programa visitará no Pazo de Xelmírez a exposición “Compostela Iconográfica”, unha orixinal e sorprendente aposta de El Patito Editorial, que ofrece a oportunidade de coñecer o talento de Jack Mircala, nesta ocasión revisitando o santoral compostelán. O artista madrileño renova os códigos da imaxinería cristiá creando 24 representacións doutros tantos santos.