Zigzag diario
Zigzag Diario. Programa 500
Na súa última semana de emisión desta tempada, o espazo cultural “ZigZag Diario” chega ao programa número 500 e para celebralo terá como convidado a un dos grandes mestres da narrativa galega contemporánea, o escritor Xosé Neira Vilas, quen acaba de sumar un novo título á súa longa traxectoria literaria, “Esperando o leiteiro”. A través dun monólogo sen interrupcións, o escritor evoca as vivencias dun mozo de 19 anos que na década dos 50 vai marchar para as Américas empurrado polos que estaban alá e pola escaseza do que tiña aquí.
Outras novidades literarias será “Inflamable”, un libro de poemas pouco común, irreverente e iconoclasta, a cargo de Samuel L. Paris; e “A fraternidade do dragón”, a terceira parte da triloxía fantástica “Dragal”, da escritora e xornalista Elena Gallego, que narra a historia do último dragón galego.
Ademais, “ZigZag Diario” faise eco do Premio Nacional de Edición, na categoría de libro infantil e xuvenil, que conseguiu a editorial pontevedresa Kalandraka con “Kipling ilustrado”, un libro que reúne sete relatos do escritor británico ilustrados por outros tantos artistas. A obra xurdiu dunha exposición organizada polo Museo Valenciano da Ilustración e da Modernidade, coincidindo co 75 aniversario da morte de Rudyard Kipling.