CRTVG

Buscar

Zigzag diario

Zigzag Diario (18/04/2012)

18/04/2012 16:30 h

Nunha nova aproximación á actualidade musical galega, o programa “ZigZag Diario” contará hoxe coa presenza no estudio de Xosé Manuel Budiño, quen deixa a un lado a gaita e pásase á música electrónica coa súa alianza co humorista Carlos Blanco. Os dous artistas están a realizar unha xira polas salas galegas co seu espectáculo “iLalelo”, onde desenvolven facetas inéditas de rapeiro e de picadiscos respectivamente. Budiño xera para estas funcións bases electrónicas, mesturadas en directo con sons de pandeiretas e de gaitas.

    O espazo da tvG2 falará tamén de dous artistas galegos que presentan novo disco co océano Atlántico como denominador común. Por un lado, Xoel López, un dos músicos máis representativos e influentes do panorama nacional, lanza o seu duodécimo traballo e o primeiro asinado co seu propio nome tras deixar atrás a súa famosa etapa á fronte de Deluxe. “Atlántico” é o resultado das súas viaxes polo continente americano e dos seus meses vivindo en Bos Aires.

    Por outro lado, o músico folk Pancho Álvarez presenta o seu cuarto disco, “Sonche Atlántico”, un traballo que amosa a evolución vital do artista na busca de novos camiños creativos e a mestura de sons acústicos da música tradicional. Estas novas gravacións están inspiradas no grandioso e inmenso océano, cun pé na música galega e o outro tocando as terras que comparten un Atlántico cheo de sons.

    Ademais, “ZigZag Diario” achegarase ao estudo da Universidade de Santiago “Do palco ao escenario”, unha investigación pioneira no ámbito da música nas festas populares de Galicia, xa que é o primeiro traballo que aborda unha análise cuantitativa e exhaustiva deste subsector musical.

Atopar capítulo por: