CRTVG

Buscar

Zigzag diario

Zigzag diario (18/01/2012)

18/01/2012 16:30 h

  Nunha nova edición centrada na actualidade musical, o programa “ZigZag Diario” terá hoxe como convidado a Ramón Dopico, percusionista de Berros do Castro, un grupo de música tradicional formado por intérpretes procedentes das máis prestixiosas agrupacións folclóricas e etnográficas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Dopico falará dos seus últimos proxectos e do repertorio da formación, conformado por pezas da música tradicional galega recuperadas dos cancioneiros.

 O espazo da tvG2 achegarase tamén á proposta musical de Mónica de Nut, unha cantante de ópera, jazz, música de raíz e música experimental, con experiencia tamén na interpretación teatral. A artista galega canta en varias agrupacións como Isga Collective, o dúo Litanei, pandereteiras A Buxaina e está a presentar o primeiro disco de Mónica de Nut trío, unha formación que mestura a linguaxe do jazz, as dinámicas da música clásica, a experimentación con sons acústicos e electrónicos e a música de raíz galega.

 O programa presentado por María Solar tamén falará esta tarde co cantautor ourensán Emilio Rúa, quen lles pon voz aos versos de Xosé Carlos Caneiro no libro-disco “Despois de ti, a chuvia”, onde se propón unha viaxe poética moi singular.

Atopar capítulo por: