CRTVG

Buscar

Zigzag diario

Zigzag Diario (08/05/2012)

08/05/2012 16:30 h

O programa “ZigZag Diario” ofrecerá esta tarde unha entrevista coa crítica de arte Ania González, unha das promotoras do Furancho de Arte Contemporánea (FAC Peregrina), un novo espazo para a creación contemporánea que naceu nas proximidades de Santiago coa intención de cubrir un baleiro existente no panorama artístico galego e que lles dedica atención a artistas que traballan alleos a galerías e museos. González falará dos obxectivos desta innovadora iniciativa e da primeira mostra que se exhibe nas instalacións do FAC, a do artista ferrolán Mauro Trastoy, que presenta unha serie de pezas realizadas nos últimos cinco anos e nas que investigou sobre o concepto de repetición.

    Ademais do Furancho de Arte Contemporánea, o espazo da tvG2 visitará hoxe outro peculiar espazo cultural, El Cercano, un novo lugar de encontro en Ourense para toda clase de expresións artísticas. Esta iniciativa preséntase como un espazo de coincidencia para diversas individualidades e para intercambiar ideas ou pensamentos. Recitais, concertos, faladoiros ou intercambio de libros son algunhas das primeiras actividades que se están a desenvolver en El Cercano.

    Por outro lado, “ZigZag Diario” achegarase ao Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña, que, por vez primeira en Galicia, presenta unha exposición individual do pintor estadounidense Alex Katz, considerado unha das iconas vivas da pintura figurativa norteamericana e un dos precursores do pop art. Baixo o título “Casi Nada”, a mostra ofrece unha coidada selección de 22 pinturas de paisaxes, escenas e retratos.

Atopar capítulo por: