CRTVG

Buscar

Sopa de festa

XXXII Festa da Filloa de Lestedo

26/02/2015 22:30 h

Nunha nova entrega de “Sopa de Festa”, o programa gastronómico e festeiro da Televisión de Galicia, os espectadores galegos gozarán doutra das exaltacións con máis sona e popularidade da comunidade: a filloa de Lestedo. 

Desde hai 32 anos, a localidade coruñesa de Lestedo exalta un dos produtos máis típicos da comarca: a filloa. Doces ou salgadas, soas ou recheas son algunhas das propostas que os veciños e visitantes poden probar nas xornadas de exaltación deste produto.

Pero, antes de asistir á festa, o equipo do programa achegarase a esta vila para falar con Carmen de La Fuente, unha “filloeira de honra” que coñece ben o segredo da elaboración deste produto. Na súa casa, a reporteira Inma Morandeira será testemuña da boa man de Carmen para facer filloas e tamén do seu bo humor. 

Como non podía ser doutro xeito, a colaboradora Churra tamén fará filloas. Para iso, achegarase ata o restaurante Vía da Prata. Desde alí, ofreceralles aos espectadores algunhas propostas doces e salgadas de recheo para acompañar as saborosas filloas. 

Para rematar, as cámaras de “Sopa de Festa” non perderán a ocasión de achegarse a Lestedo o gran día de exaltación. Unha da protagonistas da xornada é, sen dúbida, a máquina filloeira, inventada por Orlando Vázquez, encargada de que todos os asistentes poidan degustar as filloas ben quentiñas. Ademais, os moitos colaboradores e visitantes darán fe da popularidade da celebración e deste produto típico destas datas. 

Atopar capítulo por: