Sopa de festa
Programa 3: XXI Festa Gastronómica do Galo de Curral en Vila de Cruces
As cámaras de “Sopa de Festa” levarán este luns os espectadores da Televisión de Galicia ata Vila de Cruces. O concello pontevedrés exaltou na XXI Festa Gastronómica do Galo de Curral o seu máis prezado e famoso produto gastronómico da zona.
O equipo de reporteiros de “Sopa de Festa” compartiron cos habitantes e visitantes o día grande da celebración, declarada de Interese Turístico. Unha xornada que estivo marcada sobre todo pola degustación do galo de curral nos distintos establecementos hostaleiros de Vila de Cruces.
Ademais da parte gastronómica e do ambiente festeiro que se viviu durante todo o día, os espectadores da TVG tamén coñecerán como se cría o galo de curral e cal é o segredo dos criadores para que a carne desta ave sexa tan saborosa e prezada polos cociñeiros. Por outro lado, unha cociñeira de Vila de Cruces elaborará para o equipo de “Sopa de Festa” o galo de curral do xeito máis tradicional.
Outros contidos que o equipo de “Sopa de Festa” compartirá coa audiencia galega será un resumo da parte máis musical coa que contou esta celebración e na que estiveron o grupo A Roda, o cantautor Manoele de Felisa e Anxo Lorenzo Band, entre outros.