Aquí Galicia
XVIII Feira Franca de Pontevedra
“Aquí Galicia” trasládase a Pontevedra para sumarse á XVIII Feira Franca, declarada de Interese Turístico de Galicia. É unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade, que lembra o privilexio concedido polo rei Henrique IV no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración.
Aproveitando o evento, coñecemos mellor os tesouros artísticos e patrimoniais de Pontevedra, os encantos naturais do concello e da comarca e as historias das pontes sobre o río Lérez, desde a máis antiga ata a máis nova. Ademais, podemos admirar o modelo urbanístico pontevedrés, xa que é unha das cidades máis admiradas e galardoadas a nivel mundial polo seu plan peonil.
No apartado gastronómico, “Aquí Galicia” conta coa presenza dos actuais gañadores do concurso “Pontedetapas”, nas categorías de creativa, tradicional, favorita do público e cóctel. Os representantes do Grupo Nove, un dos mellores exemplos de cociña creativa de toda Galicia, tamén están convidados ao programa.
Amenizan a festa a orquestra Armonía Show, o Charro da Barbanza, Ramón Calvo, e o seu mariachi, e o grupo de música tradicional Trompos os Pés. Como é habitual, o programa ofrece tamén unha exhibición de bailes de salón, nesta ocasión a cargo de Martín e Rebeca, procedentes de Pontevedra e Vigo respectivamente.