CRTVG

Buscar

Zigzag diario

Xosé Monteagudo, Carlos López Bernárdez e Mercedes Queixas

13/06/2016 21:00 h

O convidado do programa de hoxe de “ZigZag Diario”, dedicado, coma cada luns, á actualidade literaria e editorial, será o escritor Xosé Monteagudo, que falará da súa última novela: “Todo canto fomos”, que percorre máis dun século de historia galega para devolvernos o relato dun pasado que segue a alentar o presente. O libro contén un mollo de historias que dialogan entre si e desenvolve unha trama en que a normalidade é só a aparencia baixo a que se ocultan misterios inquietantes.
O espazo da tvG2 ofrecerá tamén unha reportaxe sobre o ensaio “Un pintor que sabía o que facía”, do vigués Carlos López Bernárdez. Publicado pola editorial Laiovento, fai fincapé no cambio de rumbo que supuxo na pintura galega a obra de Luis Seoane.
Ademais, o programa referirase ao libro “De pergamiños, follas voandeiras e libros ao.gal”.  Este é o título que Mercedes Queixas escolleu para o seu novo ensaio, que subtitula “Breve historia da literatura galega”. Esta obra supón un paseo por séculos de escrita nun intento de achegar comprensión ao proceso literario vinculado co tempo no que se produce e de recoñecemento ás voces silenciadas por prexuízos históricos.

Atopar capítulo por: