Galegos
Xosé López Calo
O padre Calo falará hoxe con Xosé Manuel Vega do que lle é propio e do que nos é común a todos na serie documental “Galegos”, que unha semana máis emprenderá unha viaxe a través das olladas reflexivas de personaxes sobranceiros da política, a economía e a cultura galegas.
Xosé López Calo é un dos maiores expertos mundiais en música relixiosa. Naceu coa música no corpo, hai 92 anos en Nebra, no concello de Porto do Son, “o lugar máis bonito do mundo”, segundo asegura. Estudou para cura no seminario de Santiago, fíxose xesuíta, foi de misioneiro ao Xapón e, por orde papal directa, volveu para Roma e dedicouse a estudar a fondo a música sacra.
Un dos proxectos que dirixiu e que lembra con maior emoción foi a reprodución dos instrumentos que o Mestre Mateo esculpiu no Pórtico da Gloria e o posterior concerto que deron con eles interpretando música do Códice Calixtino. Ségueno chamado de todos os continentes para pronunciar conferencias sobre a Historia da música, pero el di que quere ir desaparecendo pouco a pouco, como un vello soldado, e ser recordado só como unha boa persoa.