Sopa de festa
XIV Festa das chulas en Moscoso (Pazos de Borbén)
“Sopa de Festa”, o programa gastronómico deste verán na Televisión de Galicia, ofreceralles aos espectadores, nunha nova entrega, a exaltación doutro dos produtos da gastronomía galega. Na edición desta noite, o programa terá un arrecendo moi doce, aínda que a exaltación de hoxe tamén ofrece a súa variedade salgada. O equipo de reporteiros do programa trasladarase ata a parroquia de Moscoso, en Pazos de Borbén, para celebrar cos seus veciños a XIV Festa da Chula.
A chula é un prato moi similar á filloa, feito con ovos, millo e leite. Para a parroquia de Moscoso é importante porque foi o sustento da aldea en tempos de escaseza. Precisamente este foi un dos motivos polo que, desde hai algúns anos, a Asociación de veciños San Paio decidiu organizar unha celebración para exaltar o produto.
Soa, con chocolate, cabaza, mel ou nata son algunhas das receitas da chula que se prepararon ao longo de todo o día e que degustaron os visitantes. Ademais da chula, os comensais puideron gozar dun amplo e variado menú composto de polbo, empanada, queixos ou churrasco pero sempre coa chula presidindo as mesas.
Por outro lado e como xa é habitual en “Sopa de Festa”, a audiencia galega tamén coñecerá a receita para preparar unhas boas chulas, a historia e a tradición desta festa e os atractivos turísticos da zona.