Zigzag diario
Xisela Franco e 'Cinema e Muller'
“ZigZag Diario” recibe este xoves no estudo de gravación a Xisela Franco, impulsora do proxecto “Cinema e Muller”. Producido por Beli Martínez e apoiado pola Diputación de Pontevedra, “Cinema e Muller” ten por obxecto facer visible o traballo do colectivo feminino no cine. Para iso, Xisela Franco reuniu 70 directoras pontevedresas, xunto coas súas fichas técnicas dos seus traballos, nunha web que actúa a modo de mapa da produción audiovisual feminina na provincia pontevedresa.
Dentro do mesmo proxecto, a través das minicurtas de dez destas cineastas, creouse unha película colaborativa, que se estreará a semana que vén no Auditorio do Concello de Vigo e no Museo de Pontevedra. “ZigZag Diario” ofrece unha reportaxe en que participan as protagonistas deste traballo: Olaia Sendón, Carla Andrade, Diana Toucedo, Andrea Zapata, Bego Santiago, Carme Nogueira, Eva Calvar, Sonia Méndez, Lara Bacelo e Claudia Brenlla. Falan de como construíron, apoiadas na velocidade das redes sociais e de xeito colaborativo, esta peza audiovisual.