CRTVG

Buscar

Sopa de festa

XIII Festa da vieira de Cambados

21/07/2014 22:30 h

As citas gastronómicas do verán continúan, unha semana máis, na Televisión de Galicia cunha nova entrega de “Sopa de Festa”. A edición desta noite estará dedicada ás décimo terceiras Xornadas de exaltación da vieira de Cambados, un dos mariscos máis característicos de Galicia e un dos produtos estrela da ría de Arousa. O equipo de reporteiros do programa compartirá esa xornada cos veciños e visitantes que se acheguen durante a fin de semana a degustar este molusco.

Os espectadores galegos serán testemuñas directas de todo canto aconteceu nesta festa, que contou coa presenza de tres restaurantes cambadeses: Pandemonium, Ribadomar e A Taberna do Trasno, encargados de facer un 'showcooking' ante todos os asistentes que desexen probar os seus pratos coa vieira como protagonista.

Continuando coas propostas gastronómicas de exaltación deste produto, o equipo de “Sopa de Festa” tamén se achegará ata o restaurante Yayo Daporta, que conta cunha estrela Michelín para que elabore outra receita deste saboroso manxar da ría.

Doutro lado, un representante da Confraría de pescadores San Antonio de Cambados explicará polo miúdo como se efectúa a captura da vieira, as mellores épocas de extración e como se comercializa, tanto en Galicia coma fóra. Para concluir, no tempo de “Sopa de Festa” tamén haberá oco para mostrarlles as belezas arquitectónicas e turísticas de Cambados e todo aderezado coa boa música que require toda celebración. 

Atopar capítulo por: