CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

Xaquín Valle-Inclán Alsina, Nicolás Pastoriza, David Regueiro e Premios Goya

31/01/2016 00:45 h

O profesor Xaquín Valle-Inclán Alsina, neto do autor de “Luces de Bohemia”, será o convidado na entrevista que Tino Santiago manterá de hoxe como punto central do programa cultural da tvG2 “ZigZag-Eirado”. Presidente da Asociación de Amigos de Valle Inclán e, sobre todo, gran investigador e biógrafo da figura e obra do seu avó, Xaquín Valle debullará aspectos descoñecidos da vida do ilustre escritor e dramaturgo galego, desmitificando moitas das súas pretendidas anécdotas, que van desde a súa faceta romántica e intelectual ata a falsa lenda de que pasou por moitas necesidades económicas. Despois de 30 anos de investigación, acaba de publicar na editorial Espasa a biografía “Ramón del Valle Inclán. Genial, antiguo y moderno”, de moi recomendable lectura.
Por outra parte, en “ZigZag-Eirado” os telespectadores da Galega poden gozar coa músicas de Nicolás Pastoriza, artista do barrio vigués de Casablanca, moi coñecido en ambientes musicais de fóra de Galicia e que tivo en David Bowie un dos seus referentes mais notables. No seu último traballo, “Luna de Kubrick”, utilizou unha mestura de mecanismos, entre eles mesmo aplicacións para tablets. Completa o apartado musical o jazz de David Regueiro e unhas achegas novas e rockeiras de tres grupos coruñeses.
Por último, o espazo dedicado á sétima arte será un adianto da nutrida presenza galega nas candidaturas dos Premios Goya deste ano 2016, que serán entregados o vindeiro 6 de febrero en Madrid. Películas como “El desconocido”, de Dani de la Torre, con Luís Tosar como protagonista, ou filmes de animación como “Maimiño” son dous dos valores que agardan acadar algún dos famosos bustos que representan o gran pintor aragonés.

Atopar capítulo por: