Zigzag-Eirado
Xabier Quiroga / Sergio Portela / Los Eskizos / Sebastião Antunes
A revista cultural semanal “ZigZag-Eirado” recibirá esta noite a visita do profesor e escritor lucense Xabier Quiroga, que acaba de recibir o Premio da Crítica en galego por “Zapatillas rotas”, un libro sobre a busca da identidade que ten como protagonista un ancián que escapa dun xeriátrico. Na obra sobresae a combinación de recursos narrativos, así como o tratamento da vellez cunha visión crítica.
Por outro lado, o espazo da tvG2 achegarase á obra do escultor pontevedrés Sergio Portela, un artista que leva máis de 20 anos esculpindo e a quen tamén fascinan a pintura, a fotografía, o vídeo e mesmo a arquitectura, paixón está última herdada dos seus pais, os dous arquitectos. Mon Santiso entrará no seu estudio en Poio.
No tempo que “ZigZag-Eirado” lle dedica cada semana á música serán protagonistas os grupos Los Eskizos, mítica banda coruñesa de garage-rock; Igloo, unha formación que se desmarca dos estándares indies, conxugando a contundencia dunhas guitarras afiadas coa transmisión de emocións e sensacións eléctricas, e Sacha na Horta.
O programa falará tamén do vocalista e compositor portugués Sebastião Antunes, que formou parte do grupo Quadrilla, pero que mantén nos últimos anos unha carreira paralela como solista. A súa música é un exemplo de cruzamento de culturas populares con inspiracións que levan ritmos celtas ou mesmo influencias do norte de África.