Zigzag-Eirado
X aniversario de "Galicia Encantada", entrevista a Antonio Reigosa / Miguel Costas / Xosé Lois Carreira
O xornalista da TVG Tino Santiago entrevistará este sábado en “ZigZag-Eirado” ao divulgador e escritor Antonio Reigosa, titular da web “Galicia Encantada”, que celebra o seu décimo aniversario coa publicación dun libro do mesmo nome. A mitoloxía ancestral, na que non faltan as meigas, as lendas, e as tradicións máis antigas e fabulosas, será o obxecto central desta conversa no estudio do programa.
Por outra banda, o que fora fundador de Siniestro Total, Miguel Costas, porá voz e música a este espazo cultural co seu tema “Tal para cual”. Costas é todo un mito para o rock galego contemporáneo desde que fora a voz principal do grupo vigués tras a marcha de Coppini. Escribira máis de 200 cancións e, esta noite, coa súa actuación, vai traer lembranzas de temas emblemáticos que escribiu na época gloriosa de Siniestro Total e Aerolineas Federales.
No capítulo de arte e artistas o reporteiro Mon Santiso coñece a Xosé Lois Carreira, un ourensán da Limia que fai magnas esculturas públicas coñecidas como o Nexus-6 de Ourense, ou o Peliqueiro de Xinzo de Limia. Remata o “ZigZag-Eirado” de hoxe coas achegas cinematográficas de Ángel Suanzes e nas que se vai centrar nas candidaturas aos Premios Mestre Mateo con longametraxes galegas como “A Esmorga”, “Os fenómenos” ou “Schimbare”.