Zigzag-Eirado
Womex 14 / “Freud and company” / Santi Barreiros
A celebración a próxima semana do encontro musical internacional Womex 14, en Santiago de Compostela, ocupará boa parte do programa cultural da TVG “ZigZag-Eirado” deste sábado. Con este cometido, Tino Santiago entrevistará a Víctor Bello, coordinador desta coñecida feira musical que ten carácter itinerante e internacional. Trátase xa da vinteava edición, comezará a partir do vindeiro 26 de outubro na Cidade da Cultura e atraerá a numerosos artistas e talentos musicais da música tradicional e alternativa. Noutras edicións xa participaron galegos como Mercedes Peón, Cristina Pato ou Xosé Manuel Budiño, entre outros.
Por outra parte, Moncho Lemos aporta unha nova curtametraxe á edición do “ZigZag-Eirado”. Nesta ocasión é un traballo, que baixo o título de “Freud and company”, dirixe Xabier Marqués. Esta obra audiovisual quere ser unha mirada sobre o mundo desapiadado dos recursos humanos e a gran empresa. Con tons de drama, non faltan tampouco os intres de humor.
Mon Santiso acompaña a unha sesión fotográfica o ourensán Santi Barreiros pola beleza da paisaxe natural das serras ourensás e resume os seus traballos anteriores como cronista de fotos aos grandes do jazz que pasaron pola cidade das Burgas. Por último, Ángel Suanzes porá os espectadores ao día coa actualidade cinematográfica galega e Marta Gómez, coa musical.