CRTVG

Buscar

Land Rober Tunai Show

"Land Rober Tunai Show" triunfa na súa volta á noite dos mércores na TVG

14/09/2016 22:36 h

Santiago, 14.09.2016.-     Moita xente o estaba desexando e por fin este mércores chega o gran momento para os fans do programa “Land Rober Tunai Show”, xa que o show de entretemento e humor presentado por Roberto Vilar regresa esta noite á programación da Televisión de Galicia.

E faino cos grandes clásicos do programa: cos incorrixibles “Gorrillas”, co intrépido Frank Rober, que seguirá amosándolles aos espectadores o mellor da fauna local; e, por suposto, co concurso “Quen vés sendo?”, hoxe coa presentadora de “A Revista”, Almudena R. de Urzáiz, que está a piques de ser nai… Dará a luz no estudio? 

Esta nova temporada de “Land Rober Tunai Show” tamén trae novas seccións, en que a audiencia vai coñecer novos personaxes e o programa contará coa música do grupo Agoraphobia. Todo isto e moito máis, na compaña dos imprescindibles Xosé A. Touriñán e Eva Iglesias.

Ademais, esta temporada o espazo da TVG busca novos colaboradores. A través do Whatsapp, abrirase un casting para que todos os seguidores teñan a oportunidade de ser un dos pintamonas do “Land Rober”. E o programa seguirá intentando atender a gran demanda dos fans para asistir como público. Desde o ano pasado, máis de 24.000 persoas quixeron divertirse no estudio de gravación con Roberto Vilar e o resto do equipo de “Land Rober Tunai Show”. Conseguírono 11.000 e 13.000 aínda están en lista de espera, o que dá unha idea da gran fidelidade do público do programa, que este aspira a manter durante esta nova temporada.

Atopar capítulo por: