Zigzag-Eirado
Vodas de prata do audiovisual galego / Antón Patiño / “Momentos captados dunha realidade xa inexistente”
O espazo cultural “ZigZag-Eirado” terá hoxe como convidado o vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, Jorge Coira, que falará das “vodas de prata” do audiovisual galego, tras cumprirse 25 anos da estrea das primeiras longametraxes de ficción galega: “Sempre Xonxa”, “Urxa” e “Continental”. Ademais, o vindeiro 20 de novembro inaugurarase na Cidade da Cultura a exposición “Cinegalicia25”, que convida a botar a vista atrás e renderlles unha homenaxe aos profesionais que fixeron posible que o audiovisual galego sexa hoxe unha realidade.
Na edición desta noite tamén se falará, como é habitual, de música. O programa da tvG2 achegarase ao novo vídeo musical de Zënzar, o decano do rock feito en Galicia, con letra de Xosé María Díaz Castro; e ao novo disco de The Sleeping Cat, que ofrecen sons de claro corte folk americano.
Por outro lado, “ZigZag-Eirado” visitará o estudio en Vigo do pintor e escritor monfortino Antón Patiño e asistirá, de principio a fin, á creación dunha das súas obras. A súa obra, que chegou ata Nova York, París, Ámsterdam, Bordeos, Estocolmo ou Madrid, está chea de símbolos cos que crea un mapa emocional que se nutre da memoria, da infancia, da paisaxe e da vida.
Finalmente, o espazo presentado por Tino Santiago ofrecerá un pase da curtametraxe “Momentos captados dunha realidade xa inexistente”, dirixida por Pablo Cacheda e con Rubén Prieto e Sheyla Fariña como protagonistas, que desenvolve a historia dun fotógrafo e a súa musa.