CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Viveiro ante o Berce

16/12/2017 16:30 h

“Aquí Galicia” instálase este sábado na localidade lucense de Viveiro, onde estes días se pode ver o seu belén xigante “Viveiro ante o Berce”, o máis espectacular de Galicia e un dos contados de España a tamaño natural. con medio cento de figuras de cartón pedra.

Á marxe da temática de Nadal, “Aquí Galicia” percorre a zona antiga de Viveiro, que destaca polos seus monumentos históricos, para coñecer as tres portas que quedan en pé do antigo recinto amurallado. Tamén pasea pola Canella do Muro, un estreito pasadizo considerado unha das rúas máis estreitas de España, e visita a igrexa de San Francisco, declarada Ben de Interese Cultural.
Tamén coñecemos a parte máis natural de Viveiro a través de dúas rutas de sendeirismo e visitamos o Souto da Retorta, que agocha os eucaliptos máis antigos de Galicia, entre os que destaca o “Avó”, que, cos seus 2,5 metros de diámetro, é unha das árbores máis grandes de Europa.

O programa fai un repaso polas festas máis representativas: a Semana Santa, declarada Festa de Interese Turístico Internacional; a rapa das bestas de Candeoso ou o Mercado Renacentista.

A pesca é o motor desta vila mariñeira. No porto de Celeiro, recibimos os barcos chegados do Gran Sol, asistimos á poxa da pescada e vemos como se preparan os barcos para volver de novo ao mar. A pescada de Celeiro, como non podía ser doutro xeito, é a protagonista do apartado gastronómico de “Aquí Galicia”, que a propón como unha alternativa para a cea de Nadal, e tamén se degustan sobremesas como turróns e colinetas, un doce típico de Viveiro.

A música corre a cargo da orquestra Israel, do cantante do Barqueiro Assier, que presenta o seu novo disco, da Banda Naval de Cornetas e Tambores de Viveiro e do grupo de baile Bágoas da Terra. Ademais, o Club Ximnasia Viveiro fai unha exhibición de ximnasia rítmica a ritmo de panxoliñas.

Atopar capítulo por: