Aquí Galicia
Vilagarcía de Arousa
A caravana do programa “Aquí Galicia” dirixe esta semana os seus pasos cara a Vilagarcía de Arousa, un dos núcleos clave do turismo en Galicia pola súa excelente situación e as súas posibilidades de ocio, ademais da súa exquisita gastronomía e os seus prezados viños.
Membros de Protección Civil de Vilagarcía achegaranse ao set do espazo da TVG para falar das que son sen dúbida dúas das festas máis coñecidas e multitudinarias da localidade. Unha é a Festa das Uvas, que se celebra desde o ano 1998 e coa que os vilagarciáns lle dan a benvida ao novo ano con dúas horas de antelación con respecto ao resto de España. Outro dos sinais de identidade da capital da comarca da Arousa é a Festa da Auga, unha peculiar celebración que xurdiu de xeito espontáneo a mediados dos anos 80 e que, pola afluencia de xente e o grande entusiasmo que xera entre veciños e visitantes, foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional.
“Aquí Galicia” tamén contará coa presenza de membros da Asociación Protectora de Animais de Vilagarcía de Arousa, que amosarán o calendario benéfico que presentan para o ano 2015. Ademais, virán acompañados de tres cans e dous gatos, para os que ao longo do programa se intentará, en directo, atopar padriños ou familias de adopción.
Xa no eido gastronómico, o magazine da Galega ofrecerá suxestións sobre como preparar estas festas a ameixa de Carril, de gran sabor e gran prestixio dentro e fóra das nosas fronteiras, ata o punto de que é considerado o mellor bivalvo do mundo. Tamén haberá consellos para facer un bo bacallau con coliflor, o prato típico de Noiteboa.
Coma sempre, a música será un dos ingredientes fundamentais do programa, que recibirá a visita dunha asociación xuvenil que rixo un lipdub en diferentes lugares de Vilagarcía coa coñecida canción “Happy”. “Aquí Galicia” tamén ofrecerá as actuacións da ex recanteira de “Luar” Lorena Ferro, natural da parroquia de Vilaxoán, das orquestras Los Satélites e Aché, dos grupos de baile Nós e Embruxo, da comparsa Os Remolóns e dos grupos de bailes de salón BTroula e Al Compás.