CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

Víctor Paz, "Play-Doc" / "Felices 140" / "Maimiño" / Pel de noz / "Rústica" / Guillermo Pedrosa

12/04/2015 00:45 h

Coa entrevista a Víctor Paz, un dos responsables da gran cita documental anual en Tui, comeza este sábado o programa cultural da Televisión de Galicia “ZigZag-Eirado”. Presentado por Tino Santiago, Paz vai debullar todas as novas que este ano 2015 achega ao xa consagrado Play-Doc, o festival de documentais e cine desta localidade fronteiriza pontevedresa que dará comezo o próximo 22 de abril. Tamén, no ámbito da sétima arte, “ZigZag-Eirado” falará da última película de Gracia Querejeta, a medio camiño entre a drama e a comedia negra, e que leva por título “Felices 140”, onde a protagonista reúne a amigos e familiares para anunciarlles que gañou 140 millóns na lotería primitiva, e aí empezan os problemas... Por último, haberá oco para falar da produción galega “Maimiño”, que se vai presentar no Festival de Cine de Málaga.

Para o apartado musical dúas sorpresas: o grupo “Pel de noz”, que co seu tema “Carolina” fusiona melodías tradicionais galegas con distintas estéticas de vangarda, e as referencias ao álbum “Rústica” de Cristina Pato, gravado en colaboración con Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña. “Rústica”, segundo Pato, “é unha carta de amor ao incrible patrimonio cultural de Galicia”.

Remata o programa coa reportaxe elaborada por Mon Santiso con Guillermo Pedrosa, un artista plástico fundamentalmente influído polos coídos, praias e augas mariñas do Salnés.

Atopar capítulo por: