Zigzag-Eirado
Víctor F. Freixanes / Nolo Suárez / Begoña Riobó / Pablo Vidal Trío / Belop / Cine: “As altas presións”, “Maimiño” e “A Esmorga”
O director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, é hoxe o convidado do programa “ZigZag-Eirado”, onde falará da biblioteca de autor que a editorial lle dedica a Xosé Figueira Valverde, o escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, que pertence á xeración de escritores formados no espírito do Seminario de Estudos Galegos e que como escritor colaborou en moitos dos xornais e revistas galegas. Galaxia xa publicou “Quintana Viva”, unha recompilación de contos; e os dous primeiros volumes da serie “Adral”.
No eido das artes plásticas, esta semana será protagonista o santiagués Nolo Suárez. Natureza e paisaxe e, sobre todo, terra e auga, están moi presentes nas súas creacións. Con eles procura un mundo de sensacións que van das estacións ata a experimentación da luz e o vento. Todo isto remite a un imaxinario que reivindica a natureza. O espazo da tvG2 visitará o seu estudio compostelán.
En canto á música, “ZigZag-Eirado” falará esta noite de Begoña Riobó, a violinista con maior proxección do panorama musical galego; de Pablo Vidal Trío, que este mes de maio presenta novo disco, titulado “Jazz pagano”; e do grupo vigués Heroínas, por cuxas letras desfilan suxeitos antisociais sempre vivindo ao límite.
Os espectadores tamén coñecerán a proposta musical do grupo de Redondela Belop, unha das bandas catalogadas de nova promesa do “indie galego”, coñecida porque nos seus concertos anima a participar os fans de xeito moi activo. Nos seus directos, coidan con agarimo a escenografía, os efectos especiais e a pirotecnia.
Como é habitual, no programa deste sábado tamén se falará de cine, neste caso, de tres películas participadas pola TVG que esta fin de semana se estrean nas salas de cine de toda España: “As altas presións”, filme dirixido por Ángel Santos; “Maimiño”, a primeira longametraxe galego-cubana de animación; e “A Esmorga”, que, despois do seu éxito en Galicia, exporta a súa noite de bebedela fóra das nosas fronteiras.