Momentos G
Unha mostra homenaxea a traxectoria de Julio Lado, o mestre ourive de Compostela
Julio Lado Martínez, toda unha vida dedicada á ourivería no seu taller de Santiago de Compostela
Julio Lado Martínez. Ourive:
`Empecei no mundo da ourivería porque meus pais tiñan unha xoiería. Entón, cando iamos ao colexio, nas vacacións de verán, iamos para o taller. Estabamos alí e iamos vendo como ían facendo as cousas, e así fun aprendendo.
O noso taller estaba en Compostela, na rúa do Vilar número corenta, en fronte ao casino. Aí estivo toda a vida, desde que o meu bisavó fundou a xoiería.´
Gústalle deseñar e facer todo tipo de pezas e emprega materiais como a prata, o marfil e o acibeche.
`A min gústame todo, facer pezas distintas. Ás veces teño unha peza de marfíl ou de acibeche e fágolle un marco.´
Julio Lado é a cuarta xeración dunha familia de ourives. Comezou a traballar con 15 anos e hoxe, aos 84, segue activo
`Á parte da xoiería, cando me xubilei e pechamos o negocio, estaba aburrido, non sabía que facer e fun a clases de pintura e déuseme bastante ben. Despois aburrinme da pintura e seguín facendo cousas de prata. Con algunhas pezas que xa tiña e coas novas que fixen, planificamos unha exposición.´
Está facendo un Cáliz Xacobeo de prata para unha mostra retrospectiva que homenaxea a súa traxectoria como ourive
`Agora estou preparando un cáliz que lle vou chamar cáliz Xacobeo porque lle vou poñer os motivos de Santiago. Estouno facendo para a exposición. Despois, se cadra, póñolle un gravado de que foi feito no ano santo para este motivo.´
A Casa do Cabido presenta 'Lado, unha saga de ourives composteláns' con pezas, bosquexos e ferramentas antigas
`Agora mesmo teño a exposición en Santiago de Compostela, na Casa do Cabido, onde se expoñen moitas pezas que fun facendo ao longo da miña vida de ourive.
Hai un botafumeiro con acibeche, co Camiño de Santiago.
Tamén teño unha colección de bastóns que fun facendo para encher un bastoneiro con 17 pezas.
A esta peza de praza chámanlle Cuncha Limosneira. Usábana na catedral para pedir as esmolas. Ten a cruz de Santiago e a urna do Apóstolo e, como vedes, está moi traballada.
Na mostra tamén hai unha imaxe da Guadalupe de Rianxo. Eu vou a veranear a Rianxo, un día vin a procesión da imaxe e acabei facendo a Virxe de Guadalupe.´
Este cofre de prata de cinco quilos de peso é unha das pezas únicas e de gran valor que acolle a mostra
`Este é un cofre feito en prata que é coma un xoieiro. Ten os motivos de Santiago e pesa sobre cinco quilos. É unha peza que me gustou moito cando fixen unha por encarga e logo fixen outra para min.´
No ano 2016 Julio Lado foi recoñecido co Premio Artesanía de Galicia pola súa traxectoria como ourive
`Esta é unha figura do Apóstolo de marfil e despois deseñei este marco e engadinlle unhas cunchas de acibeche e unha cruz de Santiago.´
A mostra pode visitarse na compostelá praza de Praterías, de martes a domingo, ata o mes de novembro
`Na exposición teño moitas pezas que fun facendo ao longo da miña vida. Para min é unha honra que a xente vaia a vela. Segundo din, está tendo moito éxito e alégrome moito de que sexa así. Penso que é un ben para Santiago e para a artesanía de Galicia.´