Vivir aquí
Unha estación para comela
Afastadas as calores do verán e coa recuperación da roupa de abrigo e as temperaturas frescas, volve a mudanza ás cociñas galegas. Das ensaladas e os pratos fríos pasamos, case sen decatarnos, aos cocidos, aos guisos caseiros, ás carnes de caza e ás sobremesas de doces e larpeiradas. Por iso, o equipo de “Vivir aquí” céntrase nos xantares do outono.
Os menús que presenta o programa levan todo un plus de proteína e hidrato de carbono pero, sobre todo, transportan a sabedoría dos pratos ben feitos: fabas con carne de xabaril, revoltos e preparados con cogomelos e unha ampla e orixinal variedade de tapas onde cada cociñeiro imprime o seu selo persoal.
Non faltan as sobremesas ben enerxéticas pero extraordinariamente atractivas elaboradas con produtos do país e que están de temporada, como poden ser as castañas ou o mel.