CRTVG

Buscar

Sopa de festa

Unha de castañas

10/11/2014 23:15 h

A castaña, outro dos productos estrela do outono, será esta noite a protagonista dunha nova edición do programa da Televisión de Galicia “Sopa de Festa”. 

Desde o campo á mesa será a temática das reportaxes que poderán ver hoxe os espectadores galegos. Deste xeito, o equipo de reporteiros de “Sopa de Festa” visitou a vila de Riós, en Ourense, unha das zonas con máis produción de castañas, para percorrer os fermosos soutos onde se cultivan e tamén falar cun produtor da zona sobre a campaña deste ano.

Alí mesmo, en Riós, a audiencia tamén descubrirá que algunhas carnes exóticas á grella, como serpe, crocodrilo ou búfalo, poden ter como acompañamento perfecto no prato unhas boas castañas. Esta peculiar receita virá da man de José, propietario dun curioso restaurante na vila.

Por outro lado,  o equipo tamén visitou a fábrica de marrón glacé, un produto diferente e exclusivo que se leva elaborando en Ourense desde hai máis de tres décadas. 

Ademais, hoxe a cociña con Churra, terá sabor de outono e de castañas. A colaboradora visitou o restaurante Abastos 2.0 para preparar con seu xefe de cociña, Jano Loimil, un saboroso prato de mercado con produtos moi galegos: unhas fabas con castañas e cogomelos. 

E no programa desta noite non se pode falar de castañas sen esquecer unha das festas máis tradicionais que exaltan este produto: o magosto. As cámaras de “Sopa de Festa” estiveron no concello de Esgos para compartir cos seu veciños o gran magosto que teñen preparado. 

Atopar capítulo por: