A Revista Fin de Semana
Unha compostelá de 32 anos, Cristy Tojo, gañou o Campionato Europeo de Parakárate
Falamos dunha historia de superación, a de Cristy Tojo, unha compostelá de 32 anos que acaba de facerse coa medalla de ouro no Campionato Europeo de Parakárate. Cristy é cega do ollo dereito pero iso non lle impediu facer deporte dende pequena. É máis, o kárate foi o seu motor vital. Agora a medalla de ouro quere que sirva para visibilizar os deportistas con diversidade funcional, capaces, como os demais, de chegar ao máis alto.
É unha das clases de kárate que Cristy Tojo imparte no seu club en Santiago. A docencia ocúpalle moitas horas e esforzos, pero tamén lle regalou grandes satisfaccións. Ela di que a súa relación co kárate dende os inicios sempre foi de amor.
Cristy Tojo. Campioa europea de parakárate na modalide de diversidade visual : "Os meus comezos son bastante curiosos porque eu vía Dragonball entón eu quería facer a onda vital como Son Goku, gustábanme as artes marciais. Como son cega do ollo dereito, cando era pequena, un médico de Negreira recomendoume que fixese kárate para mellorar na percepción das distancias porque eu non podo ver en tres dimensións. Este médico foi moi bo para min porque todos os anteriores dicían que non podía facer deporte".
Comezou a competir moi cedo e o seu primeiro título importante chegoulle no 2008, o campionato estatal de combate. Despois durante varios anos dedicouse á arbitraxe, á autodefensa e á docencia, pero unha crise vital devolveuna á alta competición: "Ao morrer a miña avoa eu caín nunha depresión; enton unha psicóloga propúxome que me presentase ao campionato galego, que gañei, e logo xa seguín ata o europeo".
Hai dúas semanas conseguía a medalla de ouro no campionato europeo de parakarate na modalidade de discapacidade visual. Un gran triunfo que a súa filosofía vital trata de relativizar. "Non me deu tempo a asimilalo. Eu fago kárate para min, para a miña familia entón non lle dou tanto valor como merece unha medalla europea".
Por iso di que ela vai seguir competindo, sobre todo para demostrar que as persoas con diversidade poden superar con esforzo moitas limitacións e chegar ao máis alto." Vou continuar na competición para darlle visibilidade á diversidade, non hai limitación, podemos superarnos".T
Vendo o seu espírito de loita e a súa motivación, non nos cabe dúbida que Crsity superará novos retos, sexan ou non en forma de medalla.