CRTVG

Buscar

Londres en xogo

Tríatlon: Javier Gómez Noya, tricampión de Europa

27/07/2012

 

Javi Gómez Noya vixía desde lonxe os irmáns Brownlee, os seus principais rivais para a medalla de ouro de Londres. O galego, de 29 anos, deu o primeiro aviso da temporada ao proclamarse campión de Europa en Israel no mes de abril. Pola contra, o secretismo rodea a preparación dos británicos. Alistair, de 24 anos, rompeu o tendón de Aquiles hai seis meses. Jonathan, de 22, debuta esta fin de semana na proba da Copa do Mundo de San Diego.

O actual campión de Europa de tríatlon prepara os Xogos Olímpicos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva en Pontevedra. O ferrolán, nado en Suíza, só disputará unha carreira por mes ata os xogos: Madrid, en maio, Kitzbuehel, en xuño e Hamburgo en xullo.

Gómez Noya aprendeu da experiencia de Pequín. Recoñece que o erro que cometeu antes dos xogos de 2008 foi adestrarse demasiado. Acabou rompendo o tendón de Aquiles. 

Agora vén o traballo máis duro e sobre todo toca coidarse, descansar e alimentarse ben. Pode chegar a ser obsesivo.

Gómez Noya rodéase dun grupo de adestramento competitivo ao que se engadiu nos últimos tempos a chilena Bárbara Rivero, campioa do mundo de tríatlon sprint, dirixidos todos polo asturiano Omar González, que acompaña a Javi desde novembro de 2008.

A clave en Londres pode ser a carreira a pé. O circuíto olímpico non ten segredos para o triatleta galego. Alí competiu nos últimos tres anos. Caeu da bicicleta en 2009. 

Un ano despois, e tras recuperarse dunha lesión na cadeira, Gómez Noya fixo unha verdadeira exhibición na carreira a pé e gañou por diante de Jonathan Brownlee. Alistair chegou á meta mareado e dando tombos. Un ano despois cruzou a mesma meta en primeiro lugar.

Nos Xogos, os últimos 10.000 metros serán decisivos para a repartición de medallas. O obxectivo semella colosal: baixar dos 29 minutos.

A proba de tríatlon disputarase en Hyde Park o sete de agosto.

 

Atopar capítulo por: