Zigzag-Eirado
Tradicións e costumes de San Xoán, "Novos cinemas", os Diplomáticos de Monte Alto e Trío Acústica
Elena Freire Paz, antropóloga e profesora do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela, visitará esta noite o estudio de gravación do “ZigZag-Eirado” para explicar a orixe e comentar algunhas das tradicións e costumes máis populares durante a máxica noite do San Xoán.
Ademais, o programa analizará os filmes “Mi hija, mi hermana” e “Grandes familias”. A primeira é unha produción francesa dirixida por Thomas Bidegain que narra a busca infatigable da súa filla por parte dun pai. “Grandes familias” é tamén un filme francés, que, neste caso, conta como un financeiro afincado en Shanghái descobre nunha breve viaxe profesional a París que o que fora o fogar da súa nenez na vila de Ambray está á venda.
O “ZigZag-Eirado” ocuparase tamén do Festival Internacional de Cine “Novos Cinemas” de Pontevedra, un proxecto que celebra a súa primeira edición, logo de que o ano pasado arrancase cunha experiencia piloto.
No seu apartado musical, o programa da Televisión de Galicia acompaña unha banda galega mítica que cumpre 25 anos enriba dos escenarios: os Diplomáticos de Monte Alto, que serán cabeza de cartel, xunto con Siniestro Total, na coruñesa festa de San Xoán.
O espazo cultural da TVG tamén se ocupará das últimas estreas musicais e falará dos novos traballos de Zurrumalla e Arrhythmia. Moncho Lemos, pola súa parte, falará do Trío Acústica, formación galega composta por Loren Tevra, Thais Sukie e Nando, e especializada en versións.