Zigzag diario
Teo Soriano/ Laura Pernás
O espazo “ZigZag Diario” conta coa presenza no estudio do pintor Teo Soriano, que acaba de inaugurar exposición na Casa da Parra de Santiago. “Umbral” presenta un importante cambio de rumbo na traxectoria do artista e abre a etapa da súa madureza definitiva. Esta mostra propón unha lectura aberta dos seus últimos traballos a través de 14 pezas realizadas en materiais de moi diversa factura, que son traballados despois con toda clase de pinturas e pigmentos.
Outra das protagonistas do programa é a artista lucense Laura Pernás, que expón estes días nun espazo singular da súa cidade: a capela de Santa María. Medos, fantasías e segredos configuran o imaxinario creativo desta artista, que traballa a ilustración, o debuxo ou a videocreación e que afonda na súa nenez, como querendo recuperala. Desde o seu estudio en Lugo, fala do seu proxecto actual: “Poupée”.