Sopa de festa
Programa 33: Festa da lagosta de A Guarda
A primeira parada das cámaras de “Sopa de Festa” será na cetaria da Grelo, un antigo viveiro de marisco onde os espectadores galegos poderán coñecer cal é, hoxe en día, a súa actividade e función. Ademais, na compaña dun mariñeiro da zona, os espectadores saberán como se pesca este prezado manxar.
Despois de coñecer como viven e se capturan as lagostas, o espazo da TVG irá á carpa instalada no porto da Guarda, onde veciños e visitantes non desaproveitan a ocasión de degustar, alomenos unha vez ao ano, este saboroso crustáceo. E, para os que non lles guste ou non desexen probar a lagosta, a festa tamén ofrece outros exquisitos pratos da cociña guardesa.
Por último, o espazo tampouco esquecerá a sobremesa que tan ben acompaña a lagosta: o roscón de xema, un doce típico da zona creado en 1953 por un pasteleiro guardés.