CRTVG

Buscar

Momentos G

Santa María de Xunqueira de Espadanedo, a xoia oculta da Ribeira Sacra

17/06/2019 11:15 h

O seu soño era vivir aventuras en Exipto, facer grandes descubrimentos e vivir nunha mastaba... Non puido ser pero aínda así, Eugenia non se queixa porque finalmente ten a sorte de vivir a escasos metros dun monumento e traballar nel, moito máis próximo si, pero tamén un tesouro. O mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo converteuse en dous anos na súa razón de vivir e no seu curruncho no mundo. E quere que todos coñezamos e gocemos da espiritualidade e magnificencia do que ela chama "a xoia oculta da Ribeira Sacra".

A historiadora Eugenia Muñoz cumpriu un dos soños da súa vida ao vivir en Xunqueira de Espadanedo ao cargo do marabilloso mosteiro medieval de Santa María, do século X e reformado logo pola orde do Císter. Din que é a xoia oculta da Ribeira Sacra polo pouco que se coñece.

Ten unha parte á que se pode acceder libremente e visitar o impoñente claustro do que se conservan tres muros cos seus arcos pulidos, estraños en Galicia, onde ver tres reloxos de sol, ou admirar a ábsida románica por fóra.

A fachada da igrexa non deixa adiviñar o seu magnífico interior. Á monumental igrexa de 5 corpos só se pode acceder concertando unha visita para admirar elementos como a ara do século XIII, a pía bautismal románica, os capiteis historiados ou o sotacoro coa súa incrible decoración de pinturas á man. Tamén chama a atención o retablo central e máis a talla recuperada da Lactación de san Bernardo, restaurada grazas ás achegas da veciñanza que nunha semana xa xuntara os cartos necesarios.

Para Eugenia, Santa María é un lugar único e sublime onde entender o silencio, o medievo. Por iso, coidan moito que os grupos de visita non superen as 20 persoas, para poder facelo en silencio e a espiritualidade do monacato, como os monxes que o habitaron noutrora.

Santa María de Xunqueira de Espadanedo está declarado Ben de Interese Cultural e, segundo Eugenia, todo galego debería coñecelo porque forma parte da nosa esencia.

 

 

Atopar capítulo por: