CRTVG

Buscar

Pescadores de historias

San Simón, a illa dos mariñeiros

15/10/2017 15:45 h

O programa visita a illa de San Simón, na parroquia de Cesantes, centro monástico na Idade Medía e hoxe Ben de Interese Cultural. É, sobre todo, lugar vizoso para pescar coas artes do xeito, as nasas do choco, ou marisquear a flote e a pé. 

Traballando a arte do xeito, encontramos a Miguel Ucha, que leva xa máis de 20 anos traballando nesta zona para coller exclusivamente sardiña e xouba segundo a época. O patrón maior Clemente Bastos condúcenos á reserva natural para a cría do choco. Alberto Pereira traballa nas augas da illa no marisqueo a flote: fundamentalmente ameixa, pero tamén se colle berberecho que neste porto chaman croques. Alicia Álvarez e Merchi Iglesias traballan o marisqueo a pé, en poucas épocas do ano, para poder preservar a zona e acadar ameixa de máxima calidade. Traballan tamén no berberecho e no longueirón, que en Cesantes recibe o nome de carallote.

Manuel García e Jorge Urcera dannos unha visión científica das augas de San Simón. Son dous biólogos mariños que estudaron as augas que rodean a illa, atopando que existe unha enorme biodiversidade. Ademais do choco, sardiña, ameixa e berberecho, tamén se poden atopar anguías, congro e salmón. E isto pola variedade de fondos mariños que rodean a illa.

E, para comer os produtos das augas de San Simón, Rivadulla Corcón lévanos ao Mesón de Chiño Rey, sitio moi habitual entre os mariñeiros deste porto. A cociñeira Lola Rodríguez prepara unha empanada de berberechos, coa peculiaridade de facelos coa propia cuncha.

Atopar capítulo por: