CRTVG

Buscar

Vaia troula

Capítulo 86. Vaia Troula: San Cristovo en Gondomar, San Bieito de Lérez, Santo Antonio, Festa dos Callos

13/07/2014 22:30 h

Frisando xa a metade do mes de xullo, a festa e a diversión non cesan no programa “Vaia Troula”, que hoxe estará presente nalgunhas das múltiples celebracións, de moi diversa índole, que durante esta época proliferan por toda Galicia. O punto de partida será en Gondomar, localidade inmersa nas Festas de San Cristovo, desde onde Nieves Rodríguez irá dando paso ás distintas reportaxes de, Paula Señarís, Diego Rodríguez e Belén Martínez.

A devoción relixiosa estará representada pola romaría de san Bieitiño de Lérez, unha das maiores festas de Pontevedra, en honor ao santo e ao seu poder curativo curativo; e polas festas na honra de santo Antonio e da Virxe do Socorro que se celebran en Muxía, en que destaca a singular Danza de Arcos, unha das tradicións máis senlleiras da zona.

Como non podía ser doutro xeito, tamén haberá tempo para comer e beber no “Vaia Troula” deste domingo, que se achegará á Festa dos Callos da Faguía, que ten lugar en Vimianzo, no marco das Festas de San Cristovo, e á XVII edición da Feira do Viño de Valdeorras, unha ocasión única para exaltar este produto autóctono.

A música e a troula máis imaxinativa chegarán respectivamente da man do Campionato Galego de Pasodobres, un xénero tan tradicional que terá unha dura disputa entre os concursantes chegados a Melide, procedentes de toda Galicia, e do Día das Peñas de Boiro, unha das xornadas máis destacadas dentro das Festas do Verán, que contará coa celebración de campionatos de carretilla, chave e outras modalidades curiosas.

Por último, o espazo da TVG será testemuña de dúas sentidas homenaxes: a ofrenda floral aos emigrantes á Habana falecidos, un dos momentos máis emotivos do tradicional Desfile Valeiro de Pontecesures, e unha nova celebración de época, a Festa Ribadeo Indiano, que aspira a poñer en valor o patrimonio legado polos emigrantes que fixeron fortuna ao outro lado do Atlántico a comezos do século XX.

Atopar capítulo por: