Especial
San Benitiño de Lérez 2018
A parroquia pontevedresa de Lérez cada 11 de xullo queda pequena para acoller os milleiros de devotos do San Benitiño, o “santo máis milagreiro”, un título que lle vén dado polos 21 milagres que se lle atribúen dende que comezase o seu culto na Idade Media.
Na actualidade, os fieis acoden ao santo co fin de curar as espullas e outras afeccións da pel e para isto cómpre facerse cun frasquiño do “aceite do santo”, un ungüento que se prepara nunha ola de cobre durante a romaría. A tradición manda tamén que os devotos pasen baixo o altar e fagan as súas ofrendas.
Esta festa, que comezou sendo una romaría fluvial, ten hoxe en día dous escenarios. Por un lado, o mosteiro do Lérez, o templo que acolle o santo e onde se celebran as misas na súa honra. E, polo outro, a praia fluvial do Lérez, onde ten lugar una celebración máis laica. Aquí os pontevedreses gozan dunha mexillonada de balde.
É tanta a devoción dos pontevedreses polo San Benitiño que lle dedican ao santo dúas festas. Hai un San Bieito de inverno, o 21 de marzo, e un de verán, o 11 de xullo, pero existe entre os pontevedreses unha especial predilección por esta segunda data, que se considera ademais o punto de arranque das festas do verán no concello.