Aquí Galicia
Salceda de Caselas
O percorrido do programa “Aquí Galicia” polas vilas e cidades do país aterra este sábado en Salceda de Caselas, polo que os espectadores da TVG poderán coñecer mellor os atractivos do lugar e a vida dos habitantes desta localidade pertencente á área metropolitana de Vigo.
O programa presentado por Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Rodrigo Vázquez achegarase a coñecer a rehabilitación realizada na centenaria Fonte das Carballas, un lugar emblemático de Salceda, abandonado durante anos, que vén de recuperarse como área de lecer para que os mozos poidan facer alí os seus graffitis.
Por outro lado, “Aquí Galicia” contará coa presenza de membros da Escola Infantil Xoaniñas, que presentarán un calendario benéfico para o ano que vén, con nenos, pais e avós como protagonistas.
A gastronomía tamén estará moi presente esta tarde no programa, que se interesará polos produtos máis representativos da zona, polo que recibirá representacións da organización das festas do Xabarín, dos Callos e do Cogomelo, esta última celebrada o domingo pasado na parroquia de Entenza.
No tempo da música e do baile, “Aquí Galicia” contará cun extenso cartel de actuacións, entre as que se inclúen as do vigués Martín Máez, unha nova promesa da canción, o Grupo Limón, a orquestra xuvenil portuguesa Cordosom, o grupo folk Donicelas, os grupos de baile Castro Barreiro e O Serán, a banda de gaitas Carballeira de Picoña, o Rancho de Reis de Guláns e o grupo de playback Xunco.