Especial
Romaría de Santo Hadrián de Malpica
É unha das romarías máis concorridas da Costa da Morte e unha das últimas celebracións da primavera onde converxen relixión, gastronomía, música tradicional e por suposto, a verbena. Cada ano milleiros de persoas congréganse en Malpica, na comarca de Bergantiños, para acompañar a imaxe do santo desde a igrexa parroquial ata a ermida de Santo Hadrián, nunha festa declarada de Interese Turístico de Galicia.
Malpicáns e malpicás, visitantes, e milleiros de devotos chegados de fóra da vila percorren a pé praias como a de Area Maior e a de Seaia nunha peregrinación que conflúe nunha gran romaría, onde familias, veciños e amigos, se misturan co son das gaitas, as pandeiretas, coas primeiras sardiñas de tempada, e o ofrecemento de exvotos dos romeiros.
Durante esta celebración ten lugar a famosa poxa dos galos, cuxa recadación axuda a sufragar os ritos na horna ao santo, e serán moitas as persoas que non deixan pasar a oportunidade de limpar a súa pel nas augas da fonte de Santo Hadrián, consideradas milagreiras, e capaces de quitar as verrugas.