Zigzag diario
Román Montesinos, “Camiño de Volta” e Manual
O Museo do Humor de Fene acolle ata o próximo 4 de marzo a exposición do fotógrafo Román Montesinos titulada “Metáforas Visuais”, unha colección de fotografías que o autor define como “un intento de evocar diferentes sentimentos conxugando o material co anímico”.
A fotografía continúa no programa cunha reportaxe sobre a exposición fotográfica “Camiño de Volta” na Casa da Parra de Santiago. Comisariada por Mercedes Rozas, esta serie de fotografías pretende amosar a percepción da natureza a través das distintas lecturas de oito autores. A saber: Manuel Sendón, Xoán Patiño, Daniel Caxigueiro, Olga Osorio, Xurxo Gómez Chao, Denís Estévez, José Meis Meaño e Carmen Chacón.
Outra das reportaxes do programa de hoxe recae sobre o novo espazo aberto en Vigo, chamado Manual. Neste lugar, o oficio e a cultura danse a man. O encargado de inaugurar esta nova casa para a arte é o artista plástico Seara, un arcadés que vive a cabalo entre Compostela e O Porto.