Zigzag-Eirado
Rogelio Groba / Xavier Cuíñas / Música con Best Boy, Raiba, The Soul Jacket e Dúo Sobre Rodas / Cine: Play-Doc
O programa “ZigZag Eirado” terá esta semana como convidado a Rogelio Groba, director concertino da Orquestra de Cámara Galega, que el mesmo fundou hai 20 anos. A formación, que está a celebrar as súas dúas décadas de vida, está integrada por músicos formados en diversos conservatorios europeos e durante este tempo desenvolveu unha intensa actividade que a levou a interpretar un amplo repertorio que abarca desde o barroco ata os nosos días, incluíndo a difusión de compositores galegos.
Por outro lado, o espazo da tvG2 entrará no estudio que ten en Allariz o escultor Xavier Cuíñas, que explora os límites da escultura e a súa relación co espazo que pretende habitar. Iso condúceo a uns mundos onde o xogo e o movemento compoñen unha arquitectura de formas que conquista o espectador.
No capítulo musical, “ZigZag-Eirado” falará dos grupos galegos Best Boy, banda liderada por Ángel Sánchez e Lucas Fernández; Raiba, herdeiros do rock-rap dos anos 90 con chiscadelas ao novo metal, ademais de incorporar toques electrónicos; e The Soul Jacket, unha formación viguesa que ocupa un posto privilexiado dentro da escena underground nacional.
Ademais, os espectadores da segunda canle da Galega coñecerán esta noite a proposta musical do Dúo Sobre Rodas, formado por Luís Correa e Carlos do Viso, que ofrecen unha combinación de zanfona e voz para interpretar un repertorio onde combinan a canción popular e a recuperación de temas tradicionais.
No “ZigZag-Eirado” deste sábado tamén haberá tempo para repasar as estreas nas salas de cine e para falar do documental “O descubrimento de Américo”, de Miguel Mariño, que se amosou no Play-Doc de Tui e que foi construído a través de bobinas de 8 e 16 milímetros que o cineasta atopou por casualidade e que pertencían a un home que viaxaba moito. Aínda que pouco máis sabía delas, como un arqueólogo, indagou para ver que historia se atopaba detrás desas imaxes rescatadas.