Zigzag-Eirado
Ricardo Gurriarán / Numax / Aid / A librería Librouro
O científico galego cualificado como o “máis importante do século XX”, o xeoquímico Isidro Parga Pondal, falecido hai 29 anos, foi o protagonista en varios actos de homenaxe pero, sobre todo, coa recente publicación do libro “Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal”, do historiador Ricardo Gurriarán. Con este motivo, Tino Santiago vai entrevistalo no “ZigZag-Eirado” de hoxe para afondar na figura do gran modernizador da actividade mineira e química en Galicia, quen forneceu unha gran presenza empresarial e galeguista con proxectos como “Zeltia” ou “Cementos do Noroeste”. A obra está auspiciada polas tres universidades galegas, a Deputación da Coruña e o Foro Peinador.
Por outra parte, o magazine cultural semanal da TVG presentará unha ampla reportaxe sobre o recentemente estreado proxecto cultural Numax, en Santiago de Compostela. Trátase dunha cooperativa de traballo que pon en marcha coordinadamente tres grandes pólas da cultura: o cine, os libros e o sector audiovisual. Con este obxectivo, Numax dispón da única sala de cine independente de Galicia, no centro de Santiago, onde se proxectan só películas en versión orixinal e/ou subtituladas. Ao seu carón, instalaron unha librería con 3.000 títulos. Por último, “Numax” conta cun estudo de deseño gráfico e producción audiovisual.
Noutros ámbitos do programa, “ZigZag-Eirado” achegará a música da rapeira viguesa Aíd, e que está a ter unha gran repercusión coa mestura da aplicación dos esquemas de rap e música urbana á poemas e textos de Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Álvaro Cunqueiro.
Completan guión do programa de hoxe a reportaxe que Mon Santiso fixo na coñecida librería Librouro, de Vigo, o resume da carteleira cinematográfica da semana que ofrecerá Ángel Suanzes, destacando o filme “El negociador”, e a escolma da música tradicional de Galicia e doutros lugares, que preparou Marta Gómez.