CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Rairiz de Veiga

23/09/2017 16:30 h

O programa “Aquí Galicia” ofrecerase hoxe en directo desde a localidade ourensá de Rairiz de Veiga, que esta fin de semana celebra a súa tradicional Romaría da Saínza, unha Festa de Interese Turístico Galego que se vén celebrando desde 1840 e que cada ano atrae centos de visitantes a esta aldea limiá. No campo do castelo da Saínza ten lugar a representación da batalla entre mouros e cristiáns, coa vitoria dos segundos e a queima do castelo rebelde.

Os reporteiros do programa estarán presentes nos ensaios que realizan os veciños de Rairiz de Veiga para a representación desta batalla e saberán como se preparan os traxes e os animais que participan na festa.

 A paisaxe, a gastronomía e a tranquilidade da zona atraen moitos turistas que optan polo turismo rural para aloxarse. “Aquí Galicia” coñecerá a oferta de turismo rural da comarca, que conta ademais cunha aldea dedicada exclusivamente a esta modalidade de turismo.

Na súa visita aos lugares máis destacados da zona, o espazo da TVG coñecerá tamén o castelo de Rairiz de Veiga, o lugar de Congostro, cos seus canastros, e as igrexas de Santa María e San Xoán. Ademais, Rairiz de Veiga enmárcase desde 2005 dentro dunha Reserva da Biosfera, á que o programa se achegará visitando a Veiga de Ponte Liñares, o Castro do Celme e a Carballa da Rocha, unha das árbores máis senlleiras de Galicia.

Rairiz conta cunha cooperativa de agricultores ecolóxicos que lles amosarán aos espectadores como é o seu labor diario e a forma de chegar ao consumidor. Ademais, a piques de comezar a recollida da castaña, “Aquí Galicia” estará cos produtores da zona preparando a temporada e tamén visitará un obradoiro onde se fan sobremesas con este produto.

As sobremesas serán precisamente as protagonistas do apartado gastronómico do programa, que este sábado contará tamén cunha sección de moda, onde se ofrecerán dous desfiles con propostas para a nova estación meteorolóxica que acabamos de estrear.



 


 

Atopar capítulo por: