Reporteiros
Reporteiros (14/01/2012)
O espazo de reportaxes de actualidade da TVG, “Reporteiros”, achegarase hoxe á figura de Isaac Díaz Pardo. Pintor, ceramista, editor, promotor cultural, empresario... Son moitas as facetas que destacan na vida dunha das figuras clave da cultura galega no século XX. Tras a súa morte aos 91 anos, o programa repasará os momentos máis destacados da traxectoria dun home que, a pesar dos eloxios unánimes recibidos, considerou a súa vida como unha colección de fracasos.
Ademais, “Reporteiros” fará unha radiografía do sector naval galego, que atravesa, unha vez máis, tempos difíciles. Sen embargo, reportaxes como a que hoxe ofrecerá o programa demostran que o naval galego segue a ser o mellor do mundo. Un exemplo é un dos buques de alta tecnoloxía que se constrúen no estaleiro vigués Factorías Vulcano, que precisou de 400.000 horas de traballo, dispón de 700 cadros eléctricos e garda no seu interior 300 quilómetros de cable.