CRTVG

Buscar

Reporteiros

Reporteiros (10/09/2011)

10/09/2011 20:12 h

Despois dun verán inestable no eido meteorolóxico e convulso no económico, o espazo dos servizos informativos da TVG REPORTEIROS comeza hoxe a súa nova temporada cunha reportaxe sobre o curso político, que se prevé, cando menos, intenso. O pasado mércores o Senado ratificaba a reforma da Constitución para limitar o déficit, cos apoios de PSOE, PP e UPN e co rexeitamento vehemente do resto dos grupos, un descontento que tamén foi palpable nas rúas.


Outro tema que sen dúbida é protagonista de actualidade durante estes días é o décimo aniversario do 11-S. En vésperas de que se cumpra unha década do maior atentado terrorista da historia, que golpeou o corazón financeiro e político de Estados Unidos, causou a morte a 3.000 persoas e tivo repercusións no mundo enteiro, Reporteiros recolleu o testemuño de galegos que viven en Nova York ou que estaban alí aquel día por diferentes razóns. Ademais, o programa contará coa opinión de expertos sobre o alcance real que o ataque de Al Quaeda e a resposta do goberno de George Bush teñen na actualidade.


Ademais, o espazo presentado por Encina Ramos achegarase á vida na mina, que en Galicia dá de comer a preto de 6.000 persoas. Un equipo do programa visitará dúas explotacións para amosarlles aos espectadores como é o día a día deste oficio. Practicamente o 90% do que se produce destínase ao sector da construción, pero, ademais deste uso, os minerais teñen outras aplicacións máis sorprendentes.

Atopar capítulo por: